Por Rafa Quintía

Ao longo dos anos teño escrito sobre a Vella en numerosos libros e artigos, e tamén temos abordado este tema en diferentes documentais que realizamos1. Este ser mítico do noso folclore, presente en moitas outras mitoloxías do Mundo, amósasenos como a reminiscencia dunha antiga divindade creadora e civilizadora e, como xa teño explicado no meu libro Análise estrutural e simbólica do mito da Moura, nun alter ego da Moura na súa faceta máis arcaica, invernal, sombría e escatolóxica. A case universalidade deste mito e a súa antigüidade viría demostrado pola súa presenza en todos os os continentes baixo seres como a céltica Cailleach, a xermana Frau Holle, a eslava Baba Yaga, a Perchta dos Alpes, a Vieya asturiana, a Vieja de Enero cántabra, a Avoa Araña dos indios Pueblo, a Vella Afek dos mitos melanesios, a Romi Kumu amazónica, a Bachué do pobo Muiscfue (Colombia) ou a Gunabibi, Kunapipi, Mumuna ou Kliarin-Kliari dos aborixes australianos entre moitas outras. Incluso, xa no mundo da ficción literaria, fálase dela na serie de novelas A Song of Ice and Fire de George R. R. Martin, obra na que se basea a famosa serie Game of Thrones. Nestas novelas cítase entre os deuses da relixión coñecida como a Fe dos Sete a o Pai, a Nai, o Guerreiro, a Doncela, o Ferreiro, a Vella e o Descoñecido.
En todos estes mitos, incluído o da Moura/Vella galega, atopamos a idea —o mitema— dunha divindade feminina primixenia creadora, un ser identificado cunha vella que é quen de crear paisaxes, dominar e xerar os elementos, de crea a vida e outorgar fertilidade. Unha criatura sobrehumana, dotada de alta carga sexual e que aparece vinculada ás augas e, moitas veces, tamén ás serpes, que xera choivas e outros meteoros, que crea paisaxes naturais ou outorga aos seres humanos os elementos e coñecementos para o desenvolvemento da vida e un ser responsable do mundo inferior ou da morte. Esta condición vencellado ao seus aspecto máis escatolóxico fixo que en moitas culturas, e por mor dos procesos de cristianización, acabase convertida nunha vella bruxa antropófaga. En definitiva, a bruxa dos contos infantís como o de Hansel e Gretel. Eu mesmo teño recollido en Galicia estas variantes terroríficas da Vella reconvertida en bruxa ou en seres asustanenos como a Vella do Trapos2. Para saber máis da súa función psicopompa e deste aspecto vencellado ao Alén da Vella recomendo o meu artigo “A Vella que come zamelgos. Interpretación dun novo mitema da Vella”, publicado no Fol de Veleno. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza nº9, ano 2022. Tamén recomendo a lectura dos diferentes artigos publicados pola miña amiga Lidia Mariño sobre a a figura da Vella3 .
En Galicia temos numerosos topónimos que fan referencia a este ser primixenio que dá nome ao “Arco Iris” (Arco da Vella) e ao que se lle atribúen, entre outros, a creación no propio río Miño, centos de dólmenes e pedrafitas e moitas outras paisaxes naturais ou humanas: o Coto da Vella, o Forno da Vella, a Pena da Vella, a Arca da Vella, o Cortello da Vella, o Pau da Vella, o Chouso da Vella, O Rego das Vellas, Pala da Vella, Campo da Vella, etc.

A pegada da Vella tal e como a coñecemos en Galicia téñoa rastrexada en América, neste caso e sen lugar a dúbidas, levada polos emigrantes da Península Ibérica. Cando facía a investigación sobre a Moura para o meu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da Moura localicei en Arxentina unha versión da cantiga “Que llueva, que llueva la Virgen de la cueva” que, ao meu entender, é anterior á versión actual que existe en España e que se conservou en América na súa forma orixinal grazas a aqueles colonos e emigrantes que levaron con eles como equipaxe a súa cultura peninsular. A antiga versión da canción infantil que se canta en América di así:
Que llueva,
que llueva,
la vieja de la cueva.
Los pajaritos cantan,
las nubes se levantan
Que siga lloviendo,
los pájaros corriendo,
florezca la pradera,
al sol de primavera.
Quen era esa “vieja de la cueva” capaz de producir a choiva senón a nosa Vella controladora dos meteoros? Esta misteriosa Vella —claro recordo, no meu entender, dunha divindade esquecida—, que é quen de producir sarabia (de aí o dito de “Peneirou a Vella” cando amence xeado), a chuvia ou de elevar a temperatura climática (Por iso cando vai calor se dí “Hoxe fornea a Vella”), é a mesma, como dicíamos, que dá nome ao Arco da Vella. Para Mircea Eliade o Arco da Vella é unha ponte que comunica a Terra co Ceo, é a ponte dos deuses. Asóciase ás augas celestiais, á chuvia e, en consecuencia, á fertilidade, á fecundidade e á rexeneración. Do folclore galego pódese deducir, entón, que a Vella, entre outras características, é unha especie de potencia que domina as forzas da natureza da cal dependen os factores climáticos e de fertilidade.
Pois ben, esta mítica Vella, como dicíamos, deixou tamén a súa pegada en América, onde xa existían figuras similares nas respectivas mitoloxías dos pobos orixinarios deste continente. E tamén deixou a pegada na paisaxe, como acontece en Galicia. Un destes lugares é o volcán de “Rincón de la Vieja”, en Costa Rica e que entrou en erupción o sábado 22 en abril do 2023.
Cunha altura de 1895 msnm, este famoso volcán forma parte do Parque Nacional Rincón de la Vieja, pertencente á Área de Conservación Guanacaste (ACG) e declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1999. Existe documentación histórica que cita este lugar con ese nome xa no ano 1751 e agora vén o interesante respecto á orixe do topónimo. Segundo tradición oral recollida no 1917 o nome do volcán viría de que nesta zona montañosa habitou unha muller moi vella ou matrona, e que os poboadores do lugar chamaban ao sitio onde vivía “el rincón de la mujer vieja”, entendendo por rincón un sitio inhóspito e afastado.
Segundo recolle o autor4 Elías Zelendón, o seu nome tamén se atribúe a unha lenda Chorotega, na cal esta vella sería unha temible bruxa á cal os indíxenas levaban alimentos en potas de cerámica, pero que, despois de ser retada por un cura, quedou atrapada entre a ardente lama da lagoa do volcán.
Neste caso atopamos, igual que sucede en Europa, coa versión cristianizada do mito da Vella onde esta antiga deidade feminina aparece convertida nunha terrorífica bruxa que é vencida por un crego, representante do poder da Igrexa e do deus cristián.

Na web da Compañía Folclórica Curubandá (https://curubanda.tripod.com/id1.html) recóllese unha terceira lenda que daría orixe ao nome do volcán e onde volvemos atopar a presenza da Vella pero na versión, entendermos orixinaria, dos mitos aborixes de Costa Rica: a vella Curubandá. Transcribimos a lenda tal e como se recolle na web desta asociación dedicada á investigación e divulgación dos valores e as tradicións da cultura costarricense :
Leyenda del Rincón de la Vieja – Curubandá
Cuenta le leyenda que la princesa Curubandá huyó enloquecida hacia el volcán, luego de que su padre, el cacique Curubandé, lanzara al cráter a su amado príncipe Mixcone, jefe de una tribu enemiga, De ese amor prohibido nació un niño que también fue lanzado al cráter por la princesa, para que se reuniera con su padre. La princesa enloquecida se refugió en las cumbres para siempre. Desde entonces, Curubandá vivió cerca del cráter, envejeció y se convirtió en una famosa curandera. Aprendió los secretos de sanar con medicinas obtenidas del volcán, y cuando la gente iba a buscarla decía: “Voy donde la vieja del rincón” o “voy para el Rincón de la Vieja”, aludiendo lo remoto de su morada.
Allí envejeció curando a muchos peregrinos con la poderosa magia de la tierra y los secretos del bosque. Su hermosa y dulce voz enseñó a cantar a las cascadas y los ríos que emanaron de su corazón acongojado y solitario. El espíritu de la vieja que cura, susurra todavía en los densos bosques que abrazan la cima del Volcán. En el cráter aún activo del volcán (1898 msnm), donde las almas del príncipe Mixcone, Curubandá y el niño, revolotean entre los árboles, convertidas en mariposas
Do exposto neste breve artigo podemos comprobar que a figura da Vella está presente en multitude de mitoloxías do mundo, amosando atributos e características similares e dando nome á paisaxe a un e outro lado do Atlántico. Unha deidade tan antiga e universal que deixou a súa pegada non só na paisaxe senón tamén nos mitos, nos ritos e nas crenzas de miles de pobos e culturas.
1Véxase: Quintía, R. (2020). O País da Moura. Pontevedra: Ab Origine Producións.
2Quintía R. (2021). Heichas contar. Contribución ao corpus mitolóxico galego. Pontevedra: Ab origine Edicións.
3Dispoñibles na web: https://tralaspegadasdavella.wordpress.com/
4Zeledón Cartín, E. (2012). Leyendas ticas de la tierra, los animales, las cosas, la religión y la magia. Editorial Costa Rica.